Sunday 05 de May de 2024

Aberto á cidadanía o parque do Eirón, un novo espazo de lecer con máis de 1.500 metros cadrados de áreas verdes na contorna da muralla histórica


A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe o acto de inauguración do Eirón, un recinto co que se recupera unha parcela, anteriormente baleira, anexa ao antigo perímetro defensivo da Cidade Vella

A redacción do proxecto contou coa implicación das nenas e nenos que tomaron parte nos obradoiros ‘Nenoarquitectura’, da Fundación Luís Seoane. A rapazada achegou ideas e propostas para lle dar forma ao parque

Este sábado abriuse á cidadanía o parque do Eirón, un novo espazo público situado entre as instalacións da Fundación Luís Seoane e o hospital Abente y Lago, na contorna da muralla histórica da Coruña.

Os traballos para lle dar forma ao Eirón comezaron a inicios de ano, nunha parcela situada na marxe esquerda da rúa San Francisco, no lado anexo á fachada leste da Fundación Luís Seoane. Ata a posta en marcha das obras para crear o parque do Eirón, esta superficie estaba baleira e carecía de uso, feito ao que hoxe fixo alusión a alcaldesa, Inés Rey, no acto de apertura do parque: “O Eirón é un novo miradoiro panorámico que contribúe á posta en valor dun espazo patrimonial fundamental na historia da cidade, como é o caso da muralla defensiva que arrodeaba a Cidade Vella. Seguimos, pois, traballando para revitalizar enclaves emblemáticos da Coruña, facéndoos accesibles á cidadanía”.

A rexedora tamén detallou parte dos detalles técnicos da intervención, que permitiu a recuperación de case 1.500 metros cadrados de superficie, agora visibles en forma de zona verde, con freixos, camelios, olmos e pradairos, así como novo mobiliario urbano. O obxectivo, apuntou Rey, “é converter o Eirón nunha área de lecer para a cidadanía”, que lle dea continuidade ao percorrido peonil pola parte superior da muralla.

Neste sentido, as conexións entre as distintas plataformas peonís do parque do Eirón executáronse baixo parámetros de accesibilidade universal. É dicir, garantíndolles o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Isto supuxo, por exemplo, a disposición dunha nova rampla de baixada desde a cota superior da rúa San Francisco ata a cota de contacto coa muralla, cun 4% de inclinación.

O acceso ao Eirón faise a través dun pequeno bosque que dá entrada ao espazo, unha transición natural entre os edificios e a muralla. Ademais, neste treito habilitáronse unha fonte e diversos postes de iluminación intercalados coas árbores.

O Concello levou a cabo un investimento de 220.000 euros para completar os traballos, que dan continuidade ao plan de melloras que está a executar o Goberno de Inés Rey no barrio da Cidade Vella, onde tamén proseguen as obras de rehabilitación da Casa Veeduría.

A implicación das nenas e nenos dos obradoiros da Fundación Luís Seoane Inés Rey lembrou hoxe que a redacción do proxecto, executada polo arquitecto Fermín González Blanco, levouse a cabo coa participación do equipo de educadores/as e das nenas e nenos que tomaron parte nos obradoiros ‘Nenoarquitectura’, da Fundación Luís Seoane, no curso 2016-2017 e no verán do ano 2017.
“A creación do parque do Eirón foi unha iniciativa que contou coa implicación directa dacidadanía. Neste caso, coa imaxinación e sensibilidade da rapazada, que tivo voz paraachegar as súas ideas e darlle forma a este belo espazo que hoxe queda aberto a todas e a todos”, finalizou a alcaldesa.